Francisco Luengo
Francisco Luengo
Naceu na Coruña. Dende o ano 1979 se adicou ao estudo da interpretación con instrumentos e técnicas orixinais dos diversos estilos musicais anteriores ao século XIX. Comezou en 1981 a aprendizaxe da Viola da Gamba baixo a dirección de José Vázquez ingresando en 1988 na "Hochschule für Musik" de Viena.
Funda con Fernando López Pan e Miro Moreira, e dirixe desde a súa creación Capela Compostelana, grupo especializado na interpretación da música renacentista e barroca, que presta especial atención á recuperación e difusión da música española destes períodos. Neste terreo Capela Compostelana publicou dous discos compactos, adicados íntegramente á obra de José de Vaquedano (1642-1711), un dos principais compositores españois do século XVII, que foi "Maestro de Capilla" da Catedral de Santiago de Compostela.
No ano 2000 funda e dirixe o grupo “Malandança”, centrado na interpretación da música medieval con instrumentos orixinais, froito do seu labor como investigador e construtor no eido da organoloxía europea, desenrolando un intenso traballo en publicacións, ("El Pórtico de la Gloria, Música, Arte y Pensamiento", editado por Cuadernos de Música en Compostela, "Los Instrumentos del Pórtico de la Gloria", editado por a Fundación Barrié de la Maza, Instruments à cordes du Moyen Age, CERIMM, Fondation Royaumont, editado por Créaphis, Instrumentos de Corda Medievais, editado pola Deputación Provincial de Lugo), conferencias e exposicións. Con Malandança gravou o disco “Unha noite na corte do Rei Afonso” ed. Clave Records.
En 2004 transcribe, coordina e dirixe a estrea mundial do drama litúrxico “Ordo Prophetarum” (s. XII) editado posteriormente en DVD polo Consello da Cultura Galega. O “Ordo Prophetaum” é representado dende entón cada ano na Catedral de Santiago de Compostela, durante o Nadal.
En 2009 publica xunto con Xurxo Varela o CD "My Singular Entertainment, and Delight" (Ed. Actus), que contén música inglesa para dúo de violas da gamba do século XVII, con obras de Ch. Simpson, J. Jenkins e outros autores.
Foi un dos seis construtores escollidos para participar no “Proxecto de Reconstrución dos Instrumentos do Pórtico da Gloria”, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza, feito entre os anos 89-92. Formou parte, tamén, do equipo de especialistas do "Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmirez" emprendido pola Excma. Deputación Provincial de Lugo no período 93-94.
Desde o ano 2000 foi profesor de viola da gamba no curso “Camiño de Santiago, Cánticos, Cantigas e Cantos”, da Universidade de Santiago de Compostela, adicado ao ensino da interpretación da música barroca.
Colabora con diversos grupos de música antiga, tendo feito concertos e xiras por Europa, América, África e Asia, grabacións discográficas e programas para radio e televisión de diversos países.