"Mya Senhor Velida"



        Xurde Malandança dos confíns da Terra, onde remata o Camiño de Santiago. E xurde coma un eco do que tanto nos chegou, da música, a palabra, a carne e a pedra.


Propósito:

        Os compoñentes de Malandança entendemos a música medieval como un territorio no que a interpretación e a investigación son asuntos interdependentes. Nada valen a unha sen a outra.

        Nas últimas décadas o interese pola música antiga permitiunos a recuperación de estilos musicais que se crían perdidos. Grazas á aportación de múltiples intérpretes, musicólogos e historiadores ao longo destes anos, logrouse salvar en parte a ruptura na tradición interpretativa de outros estilos, como a música barroca.

        Neste proceso de recuperación dun estilo (en realidade de moitos estilos) interveñen diferentes factores: as partituras orixinais, con toda a información directa do compositor, en primeiro lugar; información escrita, tratados, comentarios, cartas con referencias a veladas musicais e todo aquilo que nos diga algo das maneiras de facermos música, e do contexto no que se facía. E, naturalmente, os instrumentos, que coas suas vertudes e os seus defectos, son  grandes mestres do intérprete.

        No caso da música medieval a ruptura da tradición é grande. Oitocentos anos sepárannos da “orquestra” do Pórtico da Gloria; neste tempo sucederon tantas cousas, tantos acontecementos artísticos e guerreiros, tanta luz e tanto lume, que aos humanos do século XXI nos custa caro imaxinar o que escoitou Afonso X nunha sala do seu pazo, un día de festa, ou na sua tenda, tras unha batalla, ou ben o consolo que lle producía a música dos xograres mentres xacía doente na sua cama, apertado ao libro dos Miragres de Santa María.

        A partires das investigacións realizadas polo que abaixo asina, só e en compaña  doutros, sobre os instrumentos medievais representados no Pórtico da Gloria da catedral Compostelá, e no Pazo de Xelmírez, se nos abriu un mundo, non xa de instrumentos sonoros, senon de ideas, imaxes e voces da que criamos tan lonxana Idade Media. Ante aquel esplendor místico e arquitectónico non cabía senon recobrar o outro esplendor, o invisíble: a música.

        Contando xa co son dos instrumentos, quedábanos averiguar o xeito de abordarmos a súa interpretación, os seus recursos, e aprender a explorar a súa capacidade de virtuosismo.  Dentro do mundo da música trovadoresca, as Cantigas de Santa María de Afonso X resultaron ser as obras axeitadas por estar escritas en galego-portugués e ser froito dunha determinada cultura: a Idade Media no noroeste da península ibérica. Aló ían parar, grazas ao longo camiño xacobeo, as tradicións trovadorescas de todo o mundo cristián, e incluso o eco do cercano Islam.

        Tamén queremos que as voces en MALANDANÇA estean acordes co son dos seus instrumentos, para o que recurrimos  ás tradicións vocais dos pobos do noroeste peninsular.

        Así, xuntamos a música dos trovadores, que imaxinando o Paraíso inventaron o amor, e a palabra, que crea o mundo, e a imaxen, que todo nos aprende. Desta tarefa Malandança, realizou concertos por distintos festivais e auditorios onde se interpreta música antiga: Auditorio de Galicia, Festival de Música Antigua de Sajazarra, Festival internacional no Camino de Santiago, Festival de Música Antigua de La Laguna entre outros.

    Co programa “Unha noite na corte do Rei Afonso” publicou  a grabación do mesmo nome (ed. Clave Records) dedicada ás “Cantigas de Santa María” do rei Afonso X "o Sabio".

"Mya Senhor Velida"

A lírica mariana dos trovadores galegos e franceses




Recordare                                                                              Anónimo

Antifona para o Ofertorio

na Festa de María Mediadora


Nembressete Madre de Deus                           Afonso X

Cantiga 421


Virgen, Madre groriosa                                                          Afonso X

Cantiga 340, de loor


Plainte de la Vierge au pied de la Croix               Anónimo

Bibliothèque Nationale ms franç. 12615                                                                                       Anónimo

British Library Add. 29987

y Bibliothèque Nationale ms franç. 844


Santa María loei, e loo e loarei                                Afonso X

Cantiga 200, de loor


Lay de Notre-Dame                                               Ernoul "Le vieux"

Bibliothèque Nationale ms franç. 12615


Paulina Ceremuzynska:

Xurxo Varela:

Francisco Luengo:

Manuel Vilas:

César Árias

Valentín Novio

Dirección: Francisco Luengo

Lay de Notre Dame

Fragmento

Contáctanosmailto:info@actus.org.es?subject=asunto%20del%20mensajeActus.htmlshapeimage_1_link_0
EventosEventos.htmlEventos.htmlshapeimage_2_link_0
PublicaciónsPublicacions.htmlPublicacions.htmlshapeimage_3_link_0
InicioActus.htmlActus.htmlshapeimage_4_link_0
Instrumentos medievaisInstrumentos.htmlInstrumentos.htmlshapeimage_5_link_0